top of page

Crear Pontes. Encontros sobre residencias artísticas.

  • Foto del escritor: Diego Parajó Naveira
    Diego Parajó Naveira
  • 15 nov
  • 4 Min. de lectura

Por que necesitamos falar de residencias artísticas hoxe?


ree



As xornadas Crear Pontes son un espazo de encontro e reflexión entre profesionais da creación, da xestión cultural e da investigación, centrado na análise das residencias artísticas como motores de innovación, colaboración e transformación cultural e social.


INSCRÍBETE


PONTEVEDRA. 27 DE NOVEMBRO. Formulario.

PONTEAREAS. 12 DE DECEMBRO. Formulario.



Nun momento no que as prácticas culturais se reinventan continuamente e os territorios buscan novos modelos de innovación social, as residencias artísticas convertéronse nunha das ferramentas máis sólidas para activar creatividade, diálogo e futuro.


En Galicia, o seu desenvolvemento foi desigual pero crecente, e territorios como Ponteareas están a dar pasos firmes para consolidar un modelo propio, situado e transformador.


As xornadas Crear Pontes nacen precisamente da necesidade de abrir un espazo de encontro profesional para pensar colectivamente como deseñamos, sostemos e conectamos as residencias artísticas no noso contexto.


Trátase dun foro pensado para profesionais da creación, da xestión cultural, da investigación e das administracións públicas que queren avanzar cara a modelos máis sólidos, cooperativos e innovadores.



Por que estas xornadas?

As razóns son claras e responden a tres movementos de fondo:



1. A expansión das residencias como sistema de apoio á creación

Tal e como sinalan múltiples estudos internacionais, as residencias non son só espazos de produción: son dispositivos de investigación, encontro, profesionalización e vinculación co territorio.


A súa diversidade é enorme —interdisciplinares, temáticas, rurais, urbanas, comunitarias, nómades— e require criterios robustos para deseñar modelos adaptados á realidade galega.



2. A necesidade de fortalecer redes e evitar illamentos

Moitas iniciativas nadas nos últimos anos comparten desafíos: continuidade, financiamento, gobernanza, mediación, relación co territorio ou visibilidade.


A creación de redes profesionais non é un luxo, senón unha condición para garantir sustentabilidade e impacto. Crear Pontes procura facer realidade ese diálogo.



3. O impulso do proxecto ArtisTea en Ponteareas

O Concello de Ponteareas vén de impulsar un espazo de residencia artística cunha vontade clara de ser modelo público-comunitario, interdisciplinar e enraizado no territorio.


As xornadas forman parte do proceso estratéxico de consolidación: abrir a conversa, escoitar o sector, compartir aprendizaxes e incorporar miradas externas que acompañen a definición do modelo.


Por que estes temas?

O programa das xornadas estrutúrase arredor dos grandes focos detectados no Informe de Modelos de Referencia, no Plan de Acción e na Proposta de Programación 2025–2026 do plan eatratéxico realizado por XENEME para a residencia Artistea do Concello de Ponteareas.


Cada bloque responde a desafíos reais e recorrentes no ecosistema galego e internacional:



► 1. Modelos e tipoloxías de residencias

Expóñense clasificacións comparadas —finalidades, duracións, enfoques disciplinares, gobernanza— para ofrecer unha linguaxe común.


Un paso imprescindible para debuxar un modelo propio e evitar improvisacións.



► 2. Gobernanza, xestión e sustentabilidade

Nun sector onde conviven xestión institucional, modelos mixtos, estruturas asociativas e formatos independentes, é fundamental analizar vantaxes, riscos e requisitos de cada opción.


As xornadas abordan ferramentas para evitar a precarización, garantir continuidade e planificar a medio prazo.



► 3. Relación co territorio e cos públicos

Tomando como referencia o marco de Jaume Colomer e o modelo DARC, preséntanse estratexias para implicar comunidade, construír públicos, activar participación e traballar con parroquias, centros educativos e tecido social. Porque sen territorio non hai residencia.



► 4. Profesionalización e acompañamento artístico

Debátese como deseñar programas de mentoría, acompañamento técnico, procesos curatoriais, seguimento e avaliación.


Unha residencia é máis que un espazo: é un ecosistema de coidado e aprendizaxe.



► 5. Redes, mobilidade e internacionalización

Desde ResArtis ata as redes galegas e estatais, as residencias operan nun contexto global onde a circulación de artistas, ideas e metodoloxías é clave.


Este bloque analiza boas prácticas e oportunidades reais para conectar Ponteareas co exterior.



Como se estruturan as xornadas?

A estrutura deseñouse para combinar pensamento, práctica e diálogo profesional:


Conferencias marco

Ofrecen unha visión panorámica: tendencias internacionais, modelos de residencias e claves para deseñar proxectos sostibles.


Mesas de diálogo

Reúnen profesionais de distintas traxectorias: artistas, xestoras, investigadoras, responsables institucionais ou iniciativas independentes. O obxectivo é contrapoñer experiencias e identificar desafíos compartidos.


Dinámicas participativas

A través de dinámicas guiadas, trabállanse preguntas estruturantes sobre gobernanza, públicos, acompañamento, financiamento e impacto. Non se trata só de escoitar, senón de construír visión común.


Visita e sesión en Ponteareas

A segunda xornada, desenvolvida no propio espazo de ArtisTea, permite coñecer o lugar, activar a conversa in situ e incorporar directamente a realidade local ao diálogo profesional.



Por que deberías asistir?

Porque estas xornadas non son un congreso máis: son unha oportunidade única para:


  • comprender onde estamos e cara onde vai o ecosistema das residencias artísticas en Galicia;

  • coñecer modelos e metodoloxías que melloran a calidade dos proxectos;

  • participar nunha comunidade profesional que está a medrar e que precisa puntos de encontro;

  • contribuír ao deseño dun proxecto público pioneiro en Ponteareas, cunha perspectiva aberta, interdisciplinar e comunitaria;

  • tecer redes que poden derivar en alianzas, coprogramacións, residencias compartidas e novos camiños profesionais.



Crear Pontes é, en última instancia, un convite a pensar xuntas como queremos desenvolver a creación contemporánea desde Galicia: con rigor, con sensibilidade, con cooperación e con visión de futuro.




bottom of page